Aqui estamos, ante todas e todos vós, para presentarvos a terceira edición da Media Maratón Ribadeo – As Catedrais. Porque queremos afianzar a celebración dunha proba moi especial, unha proba que reúne todos os requisitos para converterse nun referente das carreiras populares: por unha banda, un percorrido cómodo, por pistas de terra e asfalto sen grandes desniveis, e por outro, a espectacular beleza natural do litoral ribadense, que, se ben ten como punto culminante a praia de Augas Santas – As Catedrais, non debemos esquecer outros atractivos dos que gozaremos durante a carreira: Pena Furada, a illa Pancha, Cavanardá, A Areosa, Os Xuncos, Os Castros, Illas ou Esteiro. Levade posto un ollo no pulsómetro e o outro nunha paisaxe que non vos deixará indiferentes.

Remontade a subida de Esteiro cos folgos que vos dará saber que estades a un paso da liña de meta mais fermosa do mundo. Atravesadea, parade o crono e respirade. Agora tedes todo o tempo do mundo. Baixade á praia, relaxade as pernas nas augas santas e facedevos a promesa de voltar o ano que vén. As Catedrais agardan por vós.

Saúde.

David Rivas Peña
Concelleiro de Deportes
e Novas Tecnoloxías

Compárteo!